15/5/13

Entrevista con Xosé Xoán Cabanas Cao


EXTRACTO DA ENTREVISTA DE 6º EP A XOSÉ XOÁN CABANAS CAO
 ( PIONEIRO NA PRODUCIÓN DE CINEMA EN GALEGO E AMIGO DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO)
Como e cando coñeceches a Roberto Vidal Bolaño?
Pois estamos falando do 1984 en Compostela, a súa cidade. Eu entón traballaba na produtora de cine e televisión chamada Galaxia-CTV. Aquí foi cando comecei a tratalo con máis asiduidade, pois coñecíao de antes de cando Roberto estaba nunha anterior produtora de cinema chamada Equipo Lupa xunto con Euloxio Ruibal e Félix Casado, entre outros.
Que foi o que máis che chamou a atención del nese primeiro momento?
Era moi singular. O nariz de pallaso co que sae en moitas imaxes creo que era característico da súa personalidade. Aínda que non o tivese posto a min dábame a sensación de que sempre o levaba con el. Para moita xente podía parecer arisco, distante ou incómodo pero iso era unha apariencia externa, porque para os que tivemos a sorte de tratalo persoalmente era moi tenro. Destacaría tamén que era moi áxil de pensamento, moi intelixente e moi curioso.
¿En que momento da túa vida o trataches máis?
Cando tivemos un trato máis continuado foi cando fixemos a película “Novo de Parmuíde” baseada nun relato dunha serie de contos de Álvaro Cunqueiro  incluídos nos libros de “Os outros feirantes” e “Escola de menciñeiros”. Roberto dirixiu a adaptación cinematográfica. Os dous anos que estiven en Santiago estábamos moi cercanos porque ademáis nesa época Roberto, na mesma produtora, tamén dirixía aos actores de dobraxe de filmes ao galego para a TVG. Foi un tempo de vérnonos prácticamente a diario. Despois seguimos véndonos porque tiña unha grande empatía con el.
Que rasgos destacarías da súa personalidade?
O outro día o seu fillo Roi dixo algo que me pareceu moi acertado e moi definitorio da personalidade de Roberto. Dixo que hoxe Roberto sería un “indignado con dignidade”. Eu persoalmente, destacaría tamén o seu compromiso co que facía, o seu rigor e entrega. Era moi serio e traballador. Tiña un sentido da honradez e da xustiza moi acusados. Isto podedes atopalo na súa obra, a defensa dos desfavorecidos é unha constante. A el sempre o atopabas do lado dos máis débiles e nisto eu tamén tiña unha grande afinidade con el. Non dubidaba en enfrontarse aos poderosos na defensa destes ideais aínda que lle trouxese problemas como lle aconteceu nalgún momento.
Sabes cales eran as súas grandes afecións?
Roberto era un artista; ARTISTA, así, con letras destacadas. Como artista que era, tiña un especial talento para captar aspectos da realidade que a outras persoas podían pasarlle desapercibidos. Entón, a esa sensibilidade especial, se lle xuntas ademais a capacidade para expresalo que posuía Roberto, atópaste con que facía de todo: escribía, actuaba, dirixía, iluminaba ... Pero sen dúbida, a súa grande paixón foi o cinema. Quixo ser director de cine, irse a Madrid a estudar cine, pero tivo que traballar dende moi novo e cando xa tiña as condicións para ir, esa escola de cinema pechou. Fixádevos que Roberto partiu dunha situación económica difícil e tivo que facerse a si mesmo con moito esforzo, o cal aínda fai máis admirable a súa traxectoria e os seus logros. Non tivo a posibilidade de estudar que vos estades a ter e que vos animo a que aproveitedes.
Que pensas que era o que máis o enfadaba?
Enfadáballe absolutamente todo ... ja, ja, ja (ri a gargalladas). Era moi sensible ao que acontecía ao seu arredor, e como xa vos dixen, aos abusos contra os máis desfavorecidos. Cando vía a estulticia, a inxustiza que nos rodeaba, collía uns cabreos bestiais, unha cousa tremenda! Toda esa carraxe que lle producían eses abusos dos poderosos alimentaba despois a súa obra. El despois trasladaba artisticamente todo ese tipo de “tropelías” para que a sociedade reflexionara sobre elas. A súa obra tiña unha función moi didáctica. Iso é un artista comprometido.
Que lle facía especialmente feliz?
Eu creo que o que lle facía especialmente feliz, fóra da paixón de facer cine que non puido completar como el quixera, era escribir, máis que actuar, aínda que nunca llo preguntei directamente. Aí penso que atopaba unha canle, unha saída a esa necesidade de ser autor, de crear, de cambiar para mellor a sociedade.
Sabes cales eran as súas películas favoritas?
Vos empregades habitualmente a palabra “favorito”, seino pola miña filla pois tamén o fai ... Pois teño que confesarvos que eu non son capaz de elixir unha soa película, a miña “favorita”. Entón se non son capaz de elixir a miña, menos a de Roberto ... Sei o tipo de cinema que lle apaixoaba; podería falarvos de directores como Orson Welles, Luchino Visconti, Ingmar Bergman e moitos máis dos que falabamos e que a vós polo de agora non vos din moito.
Que creadores teatrais o influíron máis?

Sen dúbida nomearía ao señor do que vos fixen unha caricatura cando entrei na aula: Don Ramón María del Valle Inclán. O seu teatro do esperpento foi unha grande influencia para Roberto. Esa representación distorsionada ou descolocada da realidade, o humor crítico ...
Tiña un forte compromiso coa lingua galega e a cultura galega: de onde cres que viña ese compromiso?
Ten moito que ver co que vos contaba antes da súa personalidade e o compromiso cos desfavorecidos. O galego como lingua desprezada polas clases máis pudientes, polas “élites”. El quería demostrar que co galego se pode estar no mundo: que podes traballar, amar, vivir en galego. Tiña un compromiso enorme coa lingua galega, a lingua do pobo, non o podedes imaxinar ata que punto. Quería que se empregase o galego en tódalas linguaxes: a teatral, o cinema ...
Como cres que lle gustaría que o lembrásemos?
Eu penso que podería ser así, (sinalando a  caricatura-debuxo co nariz de pallaso). Como unha persoa comprometida co seu tempo pero que soubo reflectir ese compromiso con sentido do humor, con retranca, ¿sabedes o que é a retranca?

MOITAS GRAZAS XOSÉ XOÁN!!!
Poderías dicirnos un recordo especial que gardes del?

Pois gardo especial recordo do traballo que fixemos na película “Novo de Parmuíde”. Especialmente tamén porque a raiz dese proxecto, que si puidemos materializar, entre os dous argallamos unha historia, que por desgraza non puidemos levar adiante, que era unha serie baseada nos contos de Álvaro Cunqueiro que vos contaba no inicio. Foi un proxecto no que traballamos cóbado con cóbado o de que estaba moi orgulloso pois sería un xeito de dar a coñecer Galiza internacionalmente cun traballo colectivo do sector audivisual que  adaptaría eses contos para tv.


No hay comentarios: